Centro Príncipe

O Programa integrado de emprego Ocúpate de Zona Príncipe acadou co apoio da Xunta unha inserción laboral do 40%

· O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participou hoxe na clausura desta iniciativa que financia o Goberno galego e na que participaron 85 persoas sen emprego.

· En toda Galicia estanse a investir preto de 11 millóns de euros para incrementar as oportunidades laborais de 4800 desempregados a través do desenvolvemento de 48 programas integrados.

· Na área territorial de Vigo, un total de 1800 desempregados recibirán asesoramento, formación e prácticas a través destes plans.

Un 40% dos participantes no Programa Integrado de Emprego (PIE) Ocúpate, que promove a Asociación de Comerciantes e Profesionais Zona Príncipe de Vigo, co apoio da Xunta, e que remata hoxe acadaron un posto de traballo. O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participou na clausura desta iniciativa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria financiou con preto de 140.000 euros.

En global, recibiron asesoramento, formación e prácticas 85 menores de 30 anos sen emprego e con baixa cualificación. En concreto, o programa permitiulles cualificarse en novas tecnoloxías, idiomas e habilidades sociolaborais, entre outros.

Marnotes salientou os bos resultados desta actuación destacando que o obxectivo principal dos Programas Integrados de Emprego (PIE) é incrementar as oportunidades laborais dos desempregados a través da formación, o asesoramento e as prácticas en empresas da contorna.O director xeral destacou, neste senso, a aposta da Administración autonómica por plans que combinen formación e prácticas dando resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade.

Na actualidade estanse poñendo en marcha en toda Galicia 48 programas integrados para apoiar a 4800 desempregados. Así, coa participación de 58 concellos e 24 entidades e cun investimento de 11 millóns de euros, a Xunta sigue apostando pola colaboración para dar novas oportunidades laborais á cidadanía.

No que atinxe á área territorial de Vigo, un total de 1.800 persoas desempregadas recibirán asesoramento, formación e prácticas ao abeiro destes programas, dos que se benefician cinco concellos (Moaña, Mos, Redondela, Vigo e Cangas) e 13 entidades.

Nesta convocatoria de axudas priorizouse por primeira vez aos Concellos Emprendedores, os que forman parte do convenio que a Xunta asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para impulsar en Galicia o desenvolvemento de novos proxectos industriais. Tamén se concederon programas integrados específicos para mulleres e se primou a aqueles proxectos nos que se implicou o tecido empresarial de cada zona, co obxectivo de que os programas se centren nas demandas laborais de cada comarca, e a aqueles plans de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

Fuente:
https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/35757/programa-integrado-empleo-ocupate-zona-principe-consiguio-con-apoyo-xunta-una

 

Este sitio web utiliza cookies propias para ofrecer un mejor servicio. Si continúa navegando consideramos que acepta su uso. Encontrará más información aquí.

ACEPTAR
Aviso de cookies